Larouco avanza na posta en marcha dunha aldea modelo e dun polígono agroforestal

2 minutes read

O Concello de Larouco avanza coa Xunta na implantación dunha aldea modelo e dun polígono agroforestal no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, está a mantivo un encontro cos veciños implicados no que será o futuro polígono de Freixido e, posteriormente, visitará a zona onde se executará a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur.  

No caso do polígono, prevese poñer en valor un total de 136 hectáreas, divididas en 1.227 parcelas de 517 propietarios. Estará orientado preferentemente a árbores de froito e viñedo. En toda Galicia, son 10 os procedementos xa iniciados (contabilizando os sete comezados en Ourense), cunha superficie superior ás 4.000 hectáreas. Cinco máis, incluído este de Freixido, atópanse na fase de actuacións previas.

Estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. O obxectivo é dinamizar o territorio e xerar actividade económica, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. 

Ademais dos polígonos, apostan, no marco da devandita lei, por outras figuras para recuperar e valorizar a terra agraria, como é o caso das aldeas modelo. Nesa liña, o conselleiro visitará -tras a xuntanza- a zona onde se implantará a aldea modelo de Santa Mariña de Seadur, unha iniciativa que se atopa na fase de recollida de sinaturas.

Neste caso, trátase dunha zona de pastos e labradío que inclúe tamén masas de coníferas e frondosas. Consta dunha superficie de 34,17 hectáreas arredor do núcleo de poboación que se busca poñer en valor, distribuídas en 565 parcelas de 269 propietarios.