Laxe | A Xunta declara Ben de Interese Cultural a igrexa de Santa María da Atalaia


O Consello da Xunta vén de dar luz verde ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento e nivel de protección integral a igrexa de Santa María da Atalaia, no concello de Laxe (A Coruña). O documento, que entrará en vigor despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), culmina o proceso iniciado pola Xunta de Galicia en xuño do pasado ano cando se incoara o expediente e se deu comezo coa súa tramitación.

O Goberno autonómico realizou o procedemento en menos dun ano, reducindo o prazo de dúas anualidades previsto pola lei autonómica para este tipo de procedementos, cumprindo unha vez máis o compromiso de axilizar ao máximo a xestión para seguir traballando na protección do patrimonio cultural. Ademais, o expediente BIC está avalado por un informe previo da Real Academia Galega de Belas Artes e outro do Consello da Cultura Galega. Este último propuxo unha serie de melloras que se tomaron en consideración para dar unha maior solidez á declaración.

As razóns para esta declaración céntranse nos seus valores construtivos; a implantación na propia vila de Laxe; a relación que o inmoble mantén co mar e a paisaxe mariñeira, formando con eles un conxunto harmónico, e a súa tripla función: defensiva, civil e relixiosa, que cumpriu ao longo da súa historia. Ademais, cómpre destacar que o templo posúe un conxunto escultórico e decorativo notable, no que sobresae o retablo pétreo da Resurrección que, pola súa calidade, temática e singularidade é un exemplo sobranceiro do arte sacro en Galicia.

Catalogación de 45 pezas

A igrexa responde á orientación tradicional dos antigos templos medievais e supón un dos principais exemplos do gótico mariñeiro na Costa da Morte. A cabeceira olla cara ao leste e o pórtico cara ao oeste. A súa planta desenvólvese nun corpo de nave de tres tramos, separados por arcos dobrados apuntados, que parten de columnas de fuste poligonal curto e remátanse cun capitel decorado con temas vexetais, moi característicos do gótico tardío galego. Cara ao exterior preséntase con sinxelos e robustos muros e un porte sobrio no que visualmente destacan os contrafortes angulares que contrarrestan o peso da bóveda.

A maiores do propio inclúense na declaración unha serie de bens mobles existentes no seu interior que se integrarán no Catalogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Trátase de 45 elementos entre os que se inclúen varias imaxes e ornamentos relixiosos, dos que destaca a Virxe da Atalaia unha escultura datada entre o século XV e XVI. Así mesmo quedará incluído dentro do contorno de protección todo o recinto que se atopa no interior da muralla.

Reforzo da protección

Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego pola conservación do patrimonio sobranceiro e na potenciación e recoñecemento dos seus elementos claves, como recursos que sirvan de panca de cambio para un desenvolvemento sustentable. Neste sentido, a igrexa de Santa María da Atalaia forma parte así dos 70 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que facilitou a declaración e protección do patrimonio cultural cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e no patrimonio inmaterial.

Así, a día de hoxe, Galicia conta con 746 BIC, incluíndo entre as últimas incorporacións bens como a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, as esculturas da Catedral de Santiago atribuídas ao Mestre Mateo, a Terraza de Sada ou o Mosteiro de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela, entre outras. Ademais, o Goberno galego ten iniciados xa os trámites para outras cinco declaración BIC que se irán resolvendo nos vindeiros meses.

O retablo da Resurrección

A igrexa garda no seu interior unha serie de bens de gran relevancia, entre os que destaca o retablo pétreo da Resurrección, un friso continuo composto por cinco bloques esculpidos sobre roca granítica de forma rectangular, de 450 cm. x 107 cm., descuberto no inverno de 1955 pola destrución que un raio causou no retablo barroco que ocupaba este lugar.

A parte superior e inferior do retablo delimítase por unha estreita banda con anxos orantes representados en busto, de aspecto basto con cabeleiras esquemáticas. Cada unha das cinco escenas están enmarcadas entre unhas columnas que soportan unha arquería gótica, que divide os distintos bloques pétreos do retablo.

De esquerda a dereita o artista desenvolve o tema da resurrección de Cristo en cinco escenas dispostas coa seguinte orde: resurrección de Cristo, descenso de Cristo resucitado ao Limbo, aparición de Cristo á Virxe María acompañado polos xustos liberados; as Santas Mulleres ante o sepulcro baleiro e a aparición de Cristo a María Magdalena. A representación, en escultura pétrea, da aparición de Cristo Resucitado á Virxe María resulta excepcional en España.

Interior da Igrexa_Turismo de Laxe_Miguel Muñíz.

Consideracións históricas

Laxe era a mediados do século XV, ademais dunha pequena vila mariñeira −configurada arredor dun núcleo máis antigo conformado entre as actuais rúa Real e a praza de Ramón Juega−, o porto natural das terras de Soneira e, polo tanto, do señorío de Altamira. Un clásico espazo portuario de fondo de ría que era daquela a principal saída ao mar dos territorios controlados e xestionados polos Moscoso de Altamira, que quedaba protexido desde un outeiro pola igrexa-fortaleza da Atalaia ou da Esperanza, desde onde se dominaba practicamente todo o val fluvial.

A igrexa foi fundada por dona Juana de Castro Lara y Guzmán, condesa de Altamira, que iniciou a súa construción a principios do século XV, sobre, probablemente, o solar que xa ocupaba unha capela previa do século XIII, xustamente no promontorio dominante da vila medieval, desde o que se controlaba o porto, a praia, a vila e a ría. A esas obras fai alusión a súa filla, dona Urraca, no seu testamento manuscrito dous días antes da súa morte no que deixaba unha suma de cartos para rematar as obras.

Templo e baluarte de Laxe

A igrexa non só foi, desde as súas orixes, un lugar de culto e oración, senón que se significou ademais como espazo de protección física ao contar con potentes muros de pedra, robustecidos polos seus contrafortes. A súa concepción inicial respondía, polo tanto, a dúas funcións básicas: a finalidade relixiosa uníase a de ser un baluarte defensivo, derivado da súa situación estratéxica, que permitía controlar os accesos á vila tanto desde terra como por mar. Esta característica potenciarase aínda máis coa construción no século XVI dunha torre-campanario. Aumentando deste xeito a súa capacidade para vixiar e advertir do perigo aos veciños dispersos mediante o repique de campás. 

Ademais no adro da igrexa nas caras norte e leste, estiveron colocados uns canóns que tiñan a finalidade de protexer o porto e a vila de Laxe, aínda así tanto a igrexa como a vila sufriron en máis dunha ocasión o asalto e saqueo por parte de flotas inimigas ou de piratas que se apropiaron das reliquias eclesiásticas e dos bens de xente local.