Laxe | A Xunta investirá 334.000 euros na construción das sendas de Soesto e de Serantes

2 minutes read

As obras foron licitadas no mes de xaneiro e o obxectivo é comezar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 8 meses. A actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE de resposta fronte á pandemia. Con esta nova actuación, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá 334.000 euros, cos que busca facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible nestes núcleos. Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 7 de marzo, das 10:30 ás 12:15 horas, na Casa do Concello de Laxe. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 23 de maio, tamén na mesma hora e lugar.

As obras consisten na execución de algo máis de 1,3 quilómetros de sendas ao longo da estrada AC-433, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.

A senda do núcleo de Soesto executarase pola marxe esquerda da AC-433 e ten como obxectivo conectar os lugares do Rueiro e Castrelo. Construirase un itinerario de preto de 600 metros de lonxitude, do punto quilométrico 10+240 ao 10+821, o treito máis urbanizado e, tamén, o que empregan os veciños para ir á praia de Soesto.

No caso de Serantes, a senda executarase ao longo de algo máis de 700 metros de lonxitude pola marxe da estrada actual, pero apoiada na antiga traza, entre os núcleos de Conlle e O Piñeiro. Neste caso, o itinerario discorrerá pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 11+390 ao 12+112, para favorecer a conexión coa igrexa de Santa María de Serantes e o cemiterio.

A Xunta incluirá no proxecto a recolocación de toda a sinalización e das defensas existentes. Na zona de Serantes prevense novas defensas que consisten na colocación de 454 metros de varanda metálica galvanizada e 14 balizas cilíndrica flexible tipo, con bandas retroreflectoras.