Laxe acollerá o día 17 o 60º aniversario do Simulacro do Naufraxio


O Naufraxio é unha homenaxe que as xentes do mar de Laxe lle fan á Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, pola súa protección e axuda durante todo o ano. A celebración realízase anualmente dende que foi instaurada no ano 1962 por Avelino Lema Santos, mariñeiro de Laxe supervivente a tres naufraxios.

Promo do evento.

Ás 12.00 horas celébrase a misa solemne na Igrexa Parroquial de Santa María da Atalaia e ao rematar sae a Virxe en procesión cara o peirao. Unha vez alí comeza a popular representación do Naufraxio: varios mariñeiros saen nunha chalana dende a parte norte do porto, escenificando a viaxe que realizan cando veñen de pescar. A metade de percorrido a embarcación vai a pique e, despois de botar unhas bengalas, os náufragos comezan a nadar cara o peirao, onde os agarda a Virxe do Carme. Xa en terra os mariñeiros avanzan de xeonllos cara a Virxe e bican os seus pes como mostra de agradecemento.

Neste tempo, os catro últimos náufragos danse conta de que un dos seus compañeiros está morto e nadan na súa busca. Entre os catro levan o corpo inerte a terra e preséntano aos pes da Virxe do Carme que obrará o milagre de resucitalo. A continuación todos xuntos, e en memoria dos mariñeiros naufragados, cantan a “Salve Mariñeira” e agradecen así a constante protección.

Seguidamente os barcos, engalanados con flores e bandeiras, saen en procesión pola ría, detrás do barco que cada ano teña a honra de portar a imaxe da Virxe. No transcurso desta procesión marítima, tíranse flores á auga para rememorar aos mariñeiros mortos no mar.

Unha vez de volta a porto, os mariñeiros que participaron no naufraxio portan descalzos e a hombros a imaxe da Virxe do Carme de regreso á Igrexa Parroquial, de onde non sairá ata o vindeiro 17 de agosto. Un evento declarado de Interese Turístico de Galicia, que este ano contará con pasarrúas a cargo da Banda de Música de Cee e Salve Mariñeira a cargo de Antonio Barros en homenaxe a todos os náufragos.