Laxe acolleu a 2ª xornada da Liga Atlántica de Billarda Conferencia Noroeste

Cedida.

O pavillón municipal de Laxe acolleu a 2ª xornada da Liga Atlántica de Billarda Conferencia Noroeste 2022-2023 que puxo fin, ademais, á programación cultural e deportiva programada polo Concello para este mes de setembro. O evento estivo organizado pola Federación Galega de Deporte Autóctono, Billarda Galicia e Billarda Rías Baixas.

Entregáronse tres premios, un por cada modalidade. Na infantil alzouse co primeiro galardón Kevin, do APB Laracha; o segundo foi para Valentín, de Filloas de Sangue A Coruña; e o terceiro posto recaeu en Virgi, tamén de Filloas de Sangue.

Na modalidade feminina, a primeira posición foi para  Raquel de Cochiqueiros Cerceda; a segunda para Marisa, de Lúa de Forza Sanxenxo e a terceira volveu para Cochiqueiros Cerceda grazas a Sonia.

Finalmente, na modalidade absoluta, tamén houbo tres premios: o primeiro recaeu en Óscar de Campo da Feira, Paiosaco; o segundo en Carolo de Lúa de Forza, Sanxenxo; e o terceiro para Bieito de APB, da Laracha.

A concelleira de Comercio, Hostalería, Turismo e Cultura, Raquel Lema Allo; xunto co concelleiro de Deportes e Pesca, Francisco Charlín Oróns, foron os encargados de conceder os premios.

Desde o goberno local móstranse “moi contentos” coa boa acollida deste evento deportivo que “pon de manifesto a demanda dos cidadáns e cidadás por deportes que son menos coñecido, ou que teñen menor visibilidade, entre o público xeral”.