Laxe Aproba o inicio de expediente de recuperación da parcela do Campo do Escaravello


A corporación municipal de Laxe celebrou un pleno ordinario no que se aprobou, polo voto favorable de todas as persoas asistentes, o expediente de recuperación posesoria e de requirimento de retirada de peche do terreo municipal sito en Montillóns, máis coñecido como o Campo do Escaravello.

Durante a sesión acordouse incoar o proceso de recuperación de parte do terreo municipal no que persoas particulares colocaran un valado no mes de xullo dificultando o uso actual da parcela, que funciona como aparcamento público de vehículos.

O último informe técnico conclúe que existe documentación na que queda patente a utilización notoria, pública e continuada da finca en cuestión por parte do Concello como zona de estacionamento. Ademais, o terreo que se quere recuperar desde a corporación está perfectamente definido e identificado en canto á súa realidade física nos informes técnicos municipais e títulos existentes no Rexistro da Propiedade e no inventario municipal.

Con carácter inmediato, o Concello de Laxe notificará este acordo ás persoas implicadas establecendo un prazo máximo de 72 horas para derrubar o peche, así como un prazo máximo de 10 días para presentar alegacións.