A corporación municipal de Laxe aprobou en pleno extraordinario, e por maioría, unha modificación inicial de crédito de case 740 mil euros para destinar o remanente de tesourería a gastos xerais do pasado exercicio, obras e servizos. A proposta, elevada ao pleno polo goberno local, aprobouse cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e o PSOE.
Entre as obras que se acometerán con esta modificación destacan dúas: o saneamento de varios núcleos rurais na parroquia de Traba e a mellora das infraestruturas de saneamento no casco urbano de Laxe.
Desta modificación de crédito tamén se beneficiarán actuacións relativas á mellora de accesos a núcleos de poboación e limpeza de viais, abastecemento de auga, acondicionamento de camiños veciñais ou canalizacións de pluviais.
Desde o Concello móstranse satisfeitos coa aprobación desta modificación xa que “os proxectos que se acometerán son verdadeiramente importantes para mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza, sobre todo a que reside no rural”.