Dará comezo o sábado, día 23, coas xornadas de portas abertas no Museo, con entrada de balde. Poderase facer no horario especial para estas datas, posto que desde o venres 22 ata o domingo 31 estará aberto de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas. Todas aquelas persoas que non poidan asistir ese día terán unha nova oportunidade o sábado, día 30.
O domingo, día 24, será a quenda para a música co concerto do Dúo Paloma Suances e a actuación de Tania Capón, a partir das 18 horas.
O luns, día 25, celebrarase a partir das 18 horas unha ponencia do historiador Luís Giadás, sobre o patrimonio histórico e cultural do Concello de Laxe. Unha oportunidade perfecta para coñecer aspectos descoñecidos da vila.
O martes 26 e o mércores 27 o autor especialista en fotografía analóxica de grande formato, Óscar Górriz, impartirá o ‘Obradoiro de fotografía analóxica’, para todas aquelas persoas interesadas.
Ademais, o Museo do Mar de Laxe proxectará desde o venres 22 ata o domingo 31 un vídeo sobre a Semana Santa realizado con fotografías do “Arquivo Fotográfico Vidal”. Será na planta baixa do inmoble durante o horario de apertura.
A concelleira de Cultura e Turismo, Raquel Lema, convidou a veciñanza e visitantes, a achegarse ata o Museo do Mar de Laxe durante esta Semana Santa, para coñecer un pouco máis do municipio e participar nas diferentes alternativas culturais que se van celebrar. Subliñou tamén que esta programación cultural serve como complemento ás celebracións máis solemnes que se levan a cabo durante eses días e que atraen a xente de distintos lugares ata o municipio.