Laxe estudará reordenar o tráfico no municipio

1 minutes read

O Concello de Laxe celebrou unha sesión plenaria ordinaria, na que se trataron tres puntos e ata un total de 12 mocións, das que unha foi presentada polo Partido Popular, tres polo BNG, catro polo PSOE e outras catro por Unidas Podemos.

A máis destacable foi a proposta presentada por Unidas Podemos para a creación dunha comisión especial para a elaboración dun Plan Integral de ordenamento do tráfico rodado no Concello, que foi rexeitada cos votos en contra do Partido Popular, e a abstención do BNG e do PSOE.

Sobre esta cuestión o alcalde, José Luís Pérez Añón, quixo subliñar que “estamos a traballar para que todos os voceiros das diferentes agrupacións municipais da corporación poidamos manter unha reunión cunha empresa técnica para reordenar o tráfico de todo o municipio, comezando polo núcleo urbano, que é o máis afectado, sobre todo na época estival”, concluíu.