Laxe | O BNG leva ao Congreso dos Deputados a problemática da praia

1 minutes read

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar na tarde deste venres unha serie de preguntas no Congreso dos Deputados, relativas a diferentes problemas que sofren os veciños e veciñas de Laxe, co gallo de acadar unha resposta por escrito do Goberno.

Dende o BNG explican que “tanto o porto como o paseo marítimo presentan grandes acumulacións de area por mor das alteracións das correntes mariñas e as dinámicas das mareas logo da construción do dique. Esta situación deriva en atascos na rede de saneamento e graves inundacións”. Por se fora pouco, os nacionalistas tamén inciden nos problemas que nacen coa acumulación de sedimentos na zona portuaria, o que contribúe a que “o de Laxe non sexa válido como un porto refuxio na Costa da Morte”. 

Solicitude de medidas ao Goberno

Os nacionalistas levan este tema ao Congreso de Madrid para darlle coñecemento ao Goberno das consecuencias para a seguridade cidadá, a navegación marítima, a calidade ambiental e a economía da vila. Dende o BNG esperan un compromiso e unha solución por parte do Goberno de Pedro Sánchez.

Cabe recordar que o porto de Laxe sufriu modificacións durante os anos 40 e 50 coa construcción do peirao novo, e durante os anos 70 e 80 coa maior transformación causada pola creación do dique comercial, o paseo marítimo, e a evolución da poboación.