Laxe recibe unha doazón de documentación histórica da familia de Lucía Martínez Pérez

1 minutes read

O Concello de Laxe vén de recibir unha doazón de documentación histórica por parte da familia de Dª Lucía Martínez Pérez, a cargo do seu fillo Joaquín Vidal Martínez, por desexo expreso de súa nai, que finou o pasado 2 de febreiro de 2024.

Trátase dunha serie de tarxetas postais e fotografías antigas que se atopaban na súa posesión, que aportan un gran valor histórico, cultural e patrimonial para o municipio.

Ademais a achega contén dous documentos do ano 1.854; unha descrición dos servizos existentes do Partido Judicial de Carballo de 1.905, 1.913 e 1.925; e un escrito do Alcalde de Camariñas ao Alcalde de Laxe do ano 1852 no que se solicitaba localizar a unha muller que fuxira cun carabineiro desa localidade, abandonando ao marido e aos fillos, entre outra moita documentación interesante.

Con esta doazón, tanto a finada como a súa familia queren agradecer as mostras de dor dos veciños e das veciñas do Concello, deixándolle este agasallo para o seu recordo que contribúa a engrandecer o patrimonio histórico e cultural de Laxe.

O Goberno local tamén agradeceu este xesto de xenerosidade para o ben común por parte de Lucía Martínez Pérez e da súa familia, que son o seu marido Joaquín Vidal Rodríguez, os seus fillos Manuel, Joaquín e Antonio, a súa filla política Diana e a súa neta Alba.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?