Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita a vila, un dos municipios beneficiados por esta iniciativa, que forma parte do chamado Plan Galicia Recicla impulsado no marco do convenio de colaboración asinado en 2016 entre a Xunta e Ecoembes. Concretamente, o Concello de Laxe renovará as súas infraestruturas de recollida de residuos coa incorporación de 30 novos contedores: 20 para envases lixeiros e 10 para papel e cartón.
O Plan Galicia Recicla, tal e como explicou a conselleira, é un conxunto de medidas e actuacións que teñen como obxectivo común fomentar a reciclaxe entre os galegos, lembrando que unha boa maneira de incentivar este tipo de prácticas consiste en dotar tanto aos concellos como aos cidadáns das ferramentas axeitadas.
Así, subliñou que desde o ano 2017 e contando xa coas novas unidades que están en proceso de reparto, o seu departamento leva investidos máis de 1,75 millóns de euros en dotar aos concellos galegos de 5.224 novos contedores deste tipo – 4.084 para envases lixeiros e 1.140 de papel-cartón- de tal xeito que a rede galega superará os 50.000 colectores a final de ano.
A conselleira explicou que este tipo de medidas unidas ás políticas medioambientais que está a desenvolver a Xunta, con campañas e iniciativas divulgativas para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de reducir a produción de residuos no día a día e reciclar o maior número posible dos que se xeran, están a ter un efecto moi visible na evolución das taxas de reciclaxe na comunidade.
Deste xeito, Ángeles Vázquez lembrou que o ano pasado se acadaron ratios espectaculares de reciclaxe deste tipo de material, cun incremento do 11,4% da recuperación de papel-cartón e do 9,3% no caso dos envases lixeiros en comparación cos datos de 2017.
Neste sentido, celebrou a “cada vez maior concienciación dos galegos e galegas pola reciclaxe” pero tamén vencellou estas cifras co compromiso medioambiental amosado polo Goberno galego, que se plasma, insistiu, en medidas como a continua mellora da actual rede de contedores.
Así, subliñou que nestes momentos o 99,8% dos galegos xa ten acceso á recollida selectiva de envases lixeiros e o obxectivo da Xunta é seguir renovando aquelas unidades que o precisen e incrementando os puntos de depósito para facer que este xesto sexa o máis “cómodo” e fácil posible para os cidadáns.