O ex-director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, está formalmente inhabilitado durante 10 anos para ocupar calquera cargo público e as autoridades mexicanas considérano abertamente como «prófugo da xustiza». Sobre el pesan acusacións de presuntos delitos como suborno e branqueamento de capitais; atribúenlle a recepción de cartos no caso Odebrecht, considerada a maior trama de corrupción descuberta na historia recente de América Latina, e fano responsable de impulsar que Pemex mercase outras empresas do sector dos fertilizantes con abondosos sobrecustos.
Leiceaga, Sánchez e Pontón asinan a petición de comparecencia na que reclaman que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, «valore as posibles implicacións de Pemex en casos de corrupción e a súa repercusión na industria galega».
Xunto a Lozoya, as novas autoridades mexicanas tamén sinalan, cando menos, como responsables de prácticas empresariais presuntamente corruptas a outros dous ex-directivos: Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo, quen foran membros do consello do estaleiro vigués Barreras despois de que Pemex se fixese coa maioría do seu accionariado para, entre outros fins, «transferir» á compañía estatal a tecnoloxía desenvolvida en Galicia. Lozoya, Roa e Carrera Panizzo foron personaxes clave nos negocios de Pemex en Galicia que apadriñou a Xunta e por iso a oposición galega reclama explicacións «urxentes» no Parlamento.