A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo estivo de estrea este sábado: á primeira edición da Festa da Filloíña e do Entroido da Filloa hai que sumar o dunha nova máquina filloeira adquirida pola entidade en colaboración coa Deputación da Coruña. Precisamente, o deputado provincial Blas García acompañou ao presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, Xosé Manuel Canabal, e ao alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, na posta en marcha desta nova máquina no local social de Lestedo.
Unha máquina con capacidade para facer 800 filloas á hora e que manexan os veciños e veciñas que integran a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo. Ademais explicáronlles aos integrantes da comitiva oficial a forma na que se cociñan as filloas de Lestedo, facendo fincapé non tanto na propia máquina como no saber facer das persoas e no uso dos ingredientes da contorna, como a auga do Pico Sacro.