Leticia Gallego urxe un “plan de rescate serio e ambicioso” para a hostalería

Cedida.

Leticia Gallego, voceira de Comercio e Turismo do Grupo Socialista, vén de instar á Xunta a levar a cabo un “plan de rescate serio e ambicioso” para o sector da hostalería, xa que “as axudas son insuficientes, pouco áxiles e carecen dun criterio de reparto xusto e equitativo”. Gallego lamentou as escasas axudas ao sector por parte da Xunta, quen aprobou un primeiro plan de axudas por valor 17 millóns de euros, “cando as transferencias extraordinarias do Estado no 2020 acadaron a contía de 745 millóns de euros”. Censurou tamén “o segundo plan de axudas, dotado de 12 millóns de euros”, xa que “tampouco responde ás necesidades do sector” e, ademais, a día de hoxe, “aínda non se comezou a pagar”. “A Xunta pon parches, en vez de salvar á hostalería”, sentenciou.