Levan ao Parlamento o incumprimento das medidas sanitarias por unha cuadrilla de caza


  • A parlamentaria socialista Paloma Castro sinala que un vídeo publicado n as redes sociais reflicte actividades en grupo sen máscara e con menores dentro do grupo de caza.

Paloma Castro presentou unha pregunta á Xunta polo incumprimento das medidas sanitarias nunha cuadrilla de cazadores, logo dunha partida celebrada o domingo 30 de agosto e que foron publicadas en redes sociais. A responsable socialista sinala que aquelas imaxes reflicten un encontro en grupo, no que participaban menores de idade, sen mascarillas nin distancia de seguridade.

O vídeo amosa, sinala, “os graves incumprimentos das medidas sanitarias da Xunta de Galicia no que se denomina bautismo de caza, onde unha das persoas implicadas, sen máscara, frota o sangue dun xabaril abatido sobre outro cazador, ao que suxeitan dous compañeiros máis, estes tamén sen máscara hixiénica nin ningún tipo de distancia interterritorial”.

A responsable socialista sinala que tanto estas como outras mostras de incumprimento das medidas de seguridade por este colectivo, “evidencian un terrible desprezo pola saúde pública e a seguridade médica da cidadanía galega, expoñendo a persoas veciñas e familiares por desfrutar dunha xornada de caza”.

Castro pídelle ao goberno que explique as medidas que vai tomar con respecto a este vídeo, identificando e sancionando ás persoas que incumpren ou determinando medidas sanitarias específicas para a realización de batidas, monterías ou calquera outra modalidade de caza, á vista do sucedido. Finalmente, pregunta pola modificación da Lei de Caza de 2013, que “non especifica idade mínima para participar como acompañantes ou espectadores”.