O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución da Consellería do Medio Rural sobre as medidas para a erradicación e control do organismo de corentena couza guatemalteca da pataca, consonte as últimas decisións da Comisión de seguimento desta praga, reunida o pasado día 22 de decembro de 2022. Así, mediante esta publicación, a Xunta levanta formalmente a prohibición do cultivo de pataca en Muxía, que se mantiña ata o momento para evitar a expansión da couza que afecta este tubérculo.
Deste xeito, pasan a ser consideradas zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo- a totalidade do concello de Muxía, incluídas as parroquias da O (Nosa Señora), Leis (San Pedro), Muxía (Santa María), Moraime (San Xulián), Ozón (San Martín) e a parroquia de Lendo (San Xián) no concello da Laracha, tamén na provincia da Coruña.
Ao tempo, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias de Chamín (Santaia) e Sorrizo (San Pedro) en Arteixo; A Pedra (Santa María) en Cariño; Caión (Santa María do Socorro) na Laracha e San Xurxo en Moeche. En Lugo, a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na totalidade do concello de Burela e na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo.