Levantadas oito actas de infracción por consumo de alcohol por menores


Axentes do grupo de menores e Servizo Lima da xefatura provincial da Policía Autonómica en Lugo, en colaboración coa Policía Local de Ribadeo, levaron a cabo a pasada fin de semana un dispositivo de prevención de consumo de alcohol por menores de idade no concello da Mariña luguesa. Como resultado das inspeccións levantáronse oito actas de infracción por incumprimento de diversas leis.

Por unha banda, os axentes identificaron 50 menores e levantaron seis actas de infracción por incumprimento da Lei 2/1996 e da Lei 11/2010, en actividades de prevención de consumo de sustancias prohibidas a menores de idade, e consumo de alcohol por parte dos mesmos.

A maiores, realizáronse dúas actas por infracción da Lei 04/2015, de protección da seguridade cidadá, por tenencia de sustancias estupefacientes na vía pública. 

Nas actuacións referidas a velar polo cumprimento da Lei 11/2010, de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade, e á Lei 28/2005, de 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, subministro, consumo e publicidade dos produtos do tabaco, os axentes da Policía Autonómica realizan dispositivos periódicos diúrnos e nocturnos.