- O incidente produciuse preto das 13:30 horas deste luns, na estrada que une Bergondo e Betanzos
Os Bombeiros de Betanzos excarceraron a unha persoa que resultou ferida, e quedara atrapada no interior dun vehículo despois de precipitarse por un desnivel, ao sufrir un accidente contra outro turismo. A vítima foi evacuada polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia.
O accidente aconteceu preto das 13:30 horas deste luns cando os vehículos circulaban pola estrada que une Bergondo e Betanzos, á altura do punto quilométrico 1.500 da AC-161.
Nada mais ter constancia dos feitos, grazas á chamada dun particular, o 112 Galicia pasou aviso ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Betanzos. Así mesmo, foron informados os axentes de Tráfico e os efectivos de Protección Civil da localidade, que tamén acudiron de inmediato ao lugar dos feitos.
Ademais, o forte impacto arrincou a barreira de protección da estrada, polo que foi precisa a intervención do persoal de mantemento da vía.