A persoa estaba atrapada polas pernas, o que obrigou aos bombeiros a cortar os piares do coche e abatir o cadro de mandos.
Como consecuencia da súa situación, presentaba algunhas lesións nas extremidades superiores, aínda que de escasa importancia, sinalaron os efectivos de salvamento.
Deste xeito, deron por finalizada a intervención neste accidente, que se rexistrou no 112 Galicia preto das once da noite do xoves na AC-552, ao seu paso pola Revolta, en Carballo. Neste punto, dous turismos bateron de fronte, o que deixou aos ocupantes nunha situación complexa para o abandono dos vehículos. De feito, unha das persoas particulares puido saír do coche logo de desbloquearen os bombeiros a porta, mentres que a outra necesitou dunha intervención máis dilatada do equipo do parque comarcal de Carballo, que cortaron os piares do turismo e botaron abaixo o cadro de mandos co fin de sacar a persoa, atrapada polas pernas.
Unha vez fóra do coche, os implicados recibiron asistencia por parte dunha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que, segundo os bombeiros, parecían lesións leves.
Ademais, acudiu unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e o persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para restablecer as condicións de seguridade na vía.