Un atropelo na Rúa da República Arxentina, en Santiago, saldouse con unha persoa ferida que tivo que ser liberada polos bombeiros na madrugada deste sábado.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 6:15 horas. Segundo a información facilitada, unha persoa necesitaba axuda ao ser atropelada por un turismo e quedar atrapada debaixo do vehículo.
Ao ser informados polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento de Santiago acudiron ao lugar dos feitos e confirmaron que foi preciso liberar ao ferido. Unha vez rematada a intervención por parte dos bombeiros, a persoa puido ser evacuada en ambulancia polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.