Liberado o ocupante dun turismo que se encaixou contra un camión estacionado en Cee

1 minutes read

O accidente produciuse pasados uns minutos das nove da mañá deste venres no lugar de Camiños Chans, en Cee. Así o comunicou un particular que activou a alerta coa súa chamada telefónica ao 112 Emerxencias Galicia. En concreto, o turismo no que viaxaba o ferido chocou contra un camión que estaba estacionado. Como consecuencia do impacto, o coche envorcou de lado e o ocupante quedou atrapado no interior por unha perna, o que obrigou a intervir aos Bombeiros de Cee para liberar ao ferido e facilitar a atención por parte dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Finalmente, o ferido foi evacuado ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, mentres que da limpeza dos restos do accidente tamén se encargaron os bombeiros. Deste xeito, restablecéronse as condicións de seguridade na vía, que permaneceu cortada en ambos os sentidos o tempo que duraron os traballos de asistencia e mantemento. No lugar tamén se contou coa colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.