Liberado un neno tras o choque de dous coches na Laracha | Evacuada unha persoa en Rus

Servizos de urxencia xunto á Igrexa de Rus.

Coa volta das choivas volveron tamén a acumulación de sinistros nas estradas. O accidente máis relevante produciuse ás 12:35 horas deste domingo no termo municipal da Laracha. Un neno de 12 anos levou a peor parte do sinistro e outras dúas persoas que tamén resultaron feridas foron trasladadas polos servizos sanitarios ao Hospital Quirón da Coruña. Un particular contactaba co 112 Galicia para informar do accidente, un choque entre dous vehículos na AC-552, entre os puntos quilométricos 23-24, no lugar de Cabovilaño.

Ao chegar ao punto e confirmarse que un menor estaba atrapado no interior dun dos vehículos, os Bombeiros procederon coas tarefas de excarceración e, unha vez liberado, os profesionais sanitarios valoraron o estado das feridas, que, afortunadamente, non parecían revestir gravidade. Aínda así, foi derivado ao Hospital Materno da Coruña.

Os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos Bombeiros de Carballo. Igualmente, foron informados os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Accidente en Cabovilaño.

Persoa evacuada en Rus, Carballo

Sobre a unha da tarde deste domingo o 112 Emerxencias Galicia tamén activou outra alerta por un accidente de tráfico con feridos, neste caso xunto á Igrexa de Rus, en Carballo. Á chamada acudiron Protección Civil de Carballo, un camión municipal de Bombeiros e unha Ambulancia do 061, que evacuou do lugar a unha persoa ferida.