Un total de cinco persoas, de entre 18 e 28 anos, foron excarceradas na madrugada deste domingo polos Bombeiros de Cee, segundo informou a Axencia Galega de Emerxencias 112 Galicia, ao quedar atrapados no interior do vehículo no que viaxaban tras sufrir un accidente cando circulaban á altura do Porto de Brens.
Unha persoa particular foi quen daba conta dos feitos ao 112 Galicia. Indicaba que un coche acababa de sufrir un accidente importante e que os seus ocupantes estaban atrapados no seu interior.
Así, desde o 112 Galicia pasouse aviso decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Cee e aos axentes de Tráfico. Así mesmo, informouse á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron a excarceración dos cinco ocupantes e o seu traslado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario Virxe da Xunqueira.
Un dos mozos veciño de Cee faleceu este luns
Un dos mozos que viaxaba no turismo accidentado non foi quen de superar as graves feridas que lle provocou o sinistro e acabou falecendo este luns nun hospital de A Coruña, a onde fora trasladado de urxencia. David C.F., que así se chamaba, era veciño da zona da Armada e contaba con tan só 21 anos de idade.