O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro na estrada LU-533, no Saviñao, minutos antes das sete da tarde deste luns mediante a chamada de alerta dunha das persoas que viaxaba no vehículo. Esta persoa indicou que había feridos, e que mesmo serían necesarios os bombeiros, pois eran incapaces de saír do coche.
Finalmente, os Bombeiros de Chantada excarceraron só un dos tres ocupantes do turismo e ao condutor do camión. Todos estaban conscientes e agardaban a asistencia dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Do mesmo xeito, eran necesarios medios para a limpeza da vía, pois había moitos restos provocados polo impacto, e a carga do camión, bombonas de butano, tamén sufriu danos. Algunhas das bombonas quedaron ciscadas pola beiravía, aínda que ningunha delas presentaba fugas.
Así, para a retitada e limpeza dos danos, solicitouse desde o 112 Galicia a axuda do persoal da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia.
Cómpre indicar que neste operativo participaron, ademais, os voluntarios de Protección Civil da localidade e os axentes da Garda Civil de Tráfico.