Liberdade con cargos para o condutor detido polo accidente mortal dunha motorista en Meis

1 minutes read

O condutor detido este sábado como suposto responsable do accidente mortal de Meis quedou en liberdade con cargos. O home pasou a disposición xudicial nos xulgados de Cambados. No sinistro, ocorrido este venres na estrada PO-531 que une Vilagarcía con Pontevedra, faleceu unha motorista e resultou ferida grave a súa acompañante. O arrestado, veciño de Suíza, de 49 anos, deu positivo en cocaína nun primeiro test en saliva que deberá revalidarse con análise de sangue.

Impútanselle os delitos de homicidio por imprudencia grave, lesións graves -tamén por imprudencia- e contra a seguridade viaria, segundo fontes do instituto armado. As investigacións apuntan a que o condutor invadiu o carril contrario co seu coche, modelo Porsche 911, e provocou a colisión coa motocicleta que circulaba en sentido contrario. Os vestixios do accidente apuntan cara ao exceso de velocidade.