Liberdade e paz, clama o papa Francisco na súa mensaxe de Nadal


O papa Francisco referiuse na súa mensaxe de Nadal ás “tebras” que se abaten sobre o mundo e pediu esperanza ante as “axitacións sociais e políticas” en varios países de Latinoamérica, ademais de lembrar a situación en Siria, Líbano ou o drama da migración. Asomado ao balcón da logia central da basílica de San Pedro, o papa comezou a súa mensaxe observando que hai tebras nos corazóns humanos, nas relacións persoais e as familias e nos conflitos económicos, xeopolíticos e ecolóxicos, pero engadiu “que máis grande é a luz de Cristo”. Por iso, pediu que Cristo “sexa luz para tantos nenos que sofren a guerra e os conflitos en Oriente Medio e en diversos países do mundo”. Como é xa habitual, na mensaxe do papa Francisco para o Nadal abandonou a alegría do nacemento de Deus expresado na misa do Galo, para ir enumerando as inxustizas e os numerosos conflitos presentes no mundo. Jorge Bergoglio desexou así “consolo para o amado pobo sirio, que aínda non ve o final das hostilidades que desgarraron o país neste decenio”.