A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de construción do novo edificio que acollerá as instalacións de Coruña Estudo Inmersivo (CEI), o maior estudo audiovisual virtual de España que a institución provincial porá en marcha na Cidade das TIC da Coruña.
As obras contan cun orzamento de 2.539.108 euros e as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 22 de novembro.
O proxecto permitirá construír o inmoble que acollerá o CEI, impulsado pola Deputación da Coruña cun investimento total de 8 millóns de euros cofinanciado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España- Next Genereation-EU e fondos propios da Deputación da Coruña.
O sistema tecnolóxico e audiovisual de vangarda do que disporá o CEI para o seu funcionamento xa foi adxudicado pola Deputación da Coruña a Telefónica por 6,1 millóns de euros o pasado mes de agosto, polo que as obras do edificio son xa o derradeiro paso para a posta en marcha do centro.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lembra que este proxecto suporá a construción do maior estudo audiovisual virtual de España e adianta que a previsión é que a infraestrutura estea en funcionamento no ano 2024. “Este proxecto será un revulsivo para o sector audiovisual galego e suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan “España, Hub audiovisual de Europa”, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025″, salientou.