A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de mellora de defensas e medios de amarre nunha trintena de peiraos galegos entre os que se atopan seis da Costa da Morte. Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia. Os licitadores terán de prazo ata o día 31 de xaneiro para presentar as súas ofertas. O obxecto das obras proxectadas é mellorar as condicións de amarre das embarcacións, xa que as defensas protexen e absorben o impacto de colisións barco-peirao durante o amarre das embarcacións. Ademais, a distribución das defensas favorece un mellor aproveitamento das zonas de atraque. Por este motivo instalaranse preto de 2.000 metros de novas defensas verticais de caucho para distintas cargas e máis de 100 escalas de gato de aceiro inoxidable. Ademais melloraranse 340 defensas de rosario existentes e instalaranse 10 bolardos de amarre de fundición para 30 e 15 toneladas. En concreto, as obras abarcan a seis portos da Costa da Morte, Malpica, Santa Mariña (Ponteceso), Corme, Laxe, Camelle e Cee.
27
