Licitada a mellora e actualización do Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate

Imagen de archivo del Dolmen de Dombate

Mellorar e actualizar o Centro de Interpretación Dolmen de Dombate dotándoo de novos contidos, de máis medios expositivos e cunha nova planificación dos espazos é o obxectivo dunha ambiciosa intervención museográfica impulsada pola Deputación da Coruña. Desde as áreas de Patrimonio e de Turismo, xestionadas polos deputados Xosé Lois Penas e Xosé Regueira respectivamente, vén de licitarse o contrato para esta intervención cun orzamento de 116.157 euros e un prazo para que as empresas interesadas presenten ofertas que abrangue ata o 30 de agosto.

Entre os obxectivos da intervención cobra especial importancia a utilización de recursos virtuais e audiovisuais que inclúen, entre outros elementos, contidos de animación virtual en 3D que integren tanto imaxes actuais como antigas, proxeccións multimedia, recreacións virtuais que permitan ao público trasladarse á Prehistoria, unha aplicación para dispositivos móbiles de realidade aumentada ou dispositivos táctiles con xogos interactivos que fomenten a participación activa por parte do público visitante.

A intervención museográfica pretende, ademais, crear espazos expositivos que interactúen coas persoas visitantes para que poidan ter un papel activo durante a visita e poidan comprender de forma sinxela e atractiva a cultura megalítica e o papel protagonista do Dolmen de Dombate dentro da mesma. Ademais dos recursos multimedia, o proxecto tamén contempla a realización de réplicas exactas de parte do material exposto ao público no Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón (31 pezas entre as que se contan fragmentos de cerámica decorada, un vaso campaniforme reconstruído ou exemplares de brosas de pedra puída).

Tamén contempla a substitución dos actuais paneis informativos de xeito que os novos inclúan información relativa ás intervencións arqueolóxicas realizadas en Dombate, unha explicación sobre os dolmens e os principais monumentos megalíticos de Galiza, información sobre o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, e referencias lendarias e literarias sobre mouras, mouros e lendas relativas aos dólmenes.