Licitada a nova planta de transferencia de residuos de Curtis


A Xunta de Galicia acaba de licitar por un orzamento base de 1,36 millóns de euros o contrato para a construción dunha nova planta de transferencia de residuos no polígono de Teixeiro, no concello de Curtis, coa intención de que poida entrar en funcionamento o próximo verán.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que o obxectivo é substituír a microplanta actualmente existente neste concello por unhas novas instalacións con máis capacidade de tratamento e unha maior funcionalidade xa que poderá recibir e xestionar diferentes tipoloxías de residuos.

Proxectada nunha parcela de case 8.000 m2, a futura planta dará servizo inicialmente aos concellos de Sobrado e Vilasantar ademais de ao de Curtis, aínda que o seu uso poderá estenderse a outros municipios —ata un total de 15— xa que ten unha capacidade de transferencia máxima de preto de 17.000 toneladas ao ano.