A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación da primeira fase das obras do tramo da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle que discorrerá en territorio de Santiago, cun orzamento de 796.766,58 euros.
A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que desde 2022 conecta os concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso, con 26 quilómetros de senda ciclable sobre as antigas vías do ferrocarril, é a máis longa de Galicia. Con esta nova ampliación para conectar a Vía Verde coa capital de Galicia, o trazado total alcanzará os 36 quilómetros de lonxitude.
As obras para conectar a Vía Verde con Santiago divídense en dúas fases e teñen un orzamento total de 1,6 millóns de euros. A primeira delas, xa en fase de licitación pública, irá desde a Estación da Sionlla ata o punto quilométrico 2,2.
A segunda fase do tramo compostelán, que vai desde o punto quilométrico 2,2 ata o punto quilométrico 10,2 onde conecta co trazado da Vía Verde xa están en funcionamento, en Sigüeiro, suporá outros 800.000 euros de investimento, dos que 300.000 euros serán aportados polo PSTD Vía Verde, 250.000 euros pola Deputación da Coruña e 250.000 euros polo Concello de Santiago.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou «a colaboración entre administracións para facer posible este proxecto», que implica ao Goberno de España, Deputación da Coruña e aos cinco concellos polos que discorre a Vía Verde.