A Plataforma de Contratos de Galicia recolle a licitación deste servizo, cun importe que rolda os 145.000 euros. A presentación de ofertas poderá realizarse ata o vindeiro día 5 de abril.
Este contrato, que dará continuidade ao Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, enmarcarase nas estratexias actuais de carácter nacional e internacional de seguridade viaria e na aplicación dos principios de “Visión Cero” para a redución de vítimas e falecidos por accidentes nas estradas galegas.
De acordo co lema do Plan de Seguridade Viaria 2021-2015, de “Visión cero”, o horizonte buscado coas medidas que se desenvolverán no marco do Plan é o da redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nas estradas galegas.
No marco deste contrato redactarase un documento inicial de bases para a elaboración do Plan, no se que se recompile, sistematice e analice información como a evolución histórica da sinistralidade viaria en Galicia, a análise e resultados dos anteriores Plans de seguridade viaria galegos, o contexto mundial, europeo e nacional ou a normativa de aplicación. Consideraranse especialmente as propostas da Comisión especial non permanente de estudo sobre a seguridade viaria en Galicia, do Parlamento de Galicia.
A continuación, elaborarase un documento de diagnose en relación coa seguridade viaria en Galicia e a formulación dos seus obxectivos, liñas de actuación e actividades, e a partir de aí o documento inicial redactado do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.
No proceso de elaboración do Plan prestarase especial atención á participación da sociedade. Así, o documento de bases será abordado cos axentes sociais e institucionais nunha xornada participativa, e documento inicial redactado do Plan someterase a consulta e participación pública. Tras o proceso de consulta e participación pública, elaborarase a versión final do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.