Licitada a redacción do Plan director para o Parque do Pasatempo de Betanzos

1 minutes read

O Parque do Pasatempo, declarado Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, é un xardín eclético creado por Juan Naveira no que se mestura vexetación, arquitectura, escultura, pintura, enxeñería hidráulica, fontes e estanques, cunha vocación de parque temático e didáctico que responde á tradición filantrópica dos indianos que regresaron de América a finais do século XIX.

A Xunta de Galicia vén de licitar por un importe de máis de 111.000 euros a redacción do Plan Director do Parque, un documento que sentará as bases para levar a cabo as actuacións necesarias para garantir a conservación e posta en valor deste Ben de Interese Cultural coa categoría de xardín histórico, declaración aprobada polo Goberno galego en 2020.

Trátase dun traballo complexo e completo que precisa dun equipo técnico multidisciplinar e especializado e que incluirá propostas de monitorización, toma de datos, análises e avaliacións co fin de coñecer con exactitude cales son as necesidades do Parque do Pasatempo para definir as actuacións necesarias para garantir a conservación deste ben tan senlleiro. Concretamente, o equipo técnico que se encargue da redacción do Plan Director estará composto por arquitectos, historiadores da arte, restauradores, arqueólogos, enxeñeiros e especialistas en xardinaría, botánica e paisaxe.