Licitada a redacción do proxecto construtivo de mellora hidráulica do río Maior en Sada

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de licitar a redacción do proxecto construtivo de mellora do funcionamento hidráulico do río Maior no concello de Sada, por importe de preto de 70.000 euros.

A Plataforma de contratos públicos de Galicia recolle a licitación destes traballos, dispoñendo as empresas interesadas na redacción deste proxecto ata o día 11 de febreiro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución do contrato é de 6 meses.

Este proxecto enmárcanse no convenio de colaboración entre a entidade adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia, e o Concello de Sada para actuar no treito final do río e evitar inundacións no núcleo urbano, un acordo que conta cun investimento conxunto de máis de 1,57 millóns de euros.

Coa licitación deste contrato trátase de realizar, primeiramente, un estudo de alternativas coa proposta máis adecuada para actuar no treito final do río. Este será o primeiro paso das actuación previstas no convenio, e base para o desenvolvemento posterior do proxecto construtivo da solución determinada, para acometer as obras necesarias e, posteriormente, conservalas e mantelas.