Licitada a redacción do proxecto de mellora da estrada de Caxadas a Baíñas (Vimianzo)

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación da redacción do proxecto de ampliación e mellora da seguridade viaria da estrada provincial DP 9203 de Caxadas a Baíñas, no termo municipal de Vimianzo.

A necesidade de acometer obras de mellora nesta estrada foi unha das cuestións que trasladou a alcaldesa da localidade, Mónica Rodríguez, ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na reunión que ambos os dous mandatarios mantiveron o pasado 10 de outubro na sede da institución provincial.

Un mes despois, a Deputación licita por 40.337 euros a redacción dun proxecto técnico que terá por obxecto a construción dunha senda peonil de preto de dous quilómetros de lonxitude entre os núcleos de Caxadas e Castrelo (do PK 0+000 ao 1+940), unha zona con numerosas vivendas lindeiras que carece na actualidade de beirarrúas ou sendas para circular a pé con seguridade; así como a ampliación da plataforma e a mellora de trazado entorno ao PK 4+500, onde se proxectará a eliminación dun tramo perigoso de curvas no núcleo de Padreiro, un punto que rexistra unha elevada sinistralidade.
O proxecto estudará tamén a posibilidade de ampliar ou substituír a ponte existente entorno ao punto quilométrico 1+580, co obxecto de deixar ao longo da maior parte do vial unha plataforma de 7 metros de calzada para a circulación de vehículos, sendas de 1,80 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros en ambas marxes.

O proxecto presentará unha mellora integral do vial ao longo de máis de 4,5 quilómetros, o que implicará un investimento importante, polo que é posible que, unha vez redactado, a súa execución se leve a cabo en diferentes fases.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha