Licitada a redacción dos proxectos para construír 36 vivendas protexidas en Santiago


Os dous contratos foron licitados por un importe global de 271.463 euros e aos que se poden presentar ofertas ata o 7 de marzo, inclúen tamén o servizo de dirección das futuras obras, na zona de Lamas de Abade, en Santiago.

Os dous edificios reforzarán o parque público residencial da capital galega e se sumarán ademais á nova promoción que xa está en marcha no barrio do Castiñeiro, unha das zonas de maior expansión da cidade. Así, cómpre lembrar que o IGVS promove no SUNP-13 de Santiago a construción de 24 VPP, un contrato adxudicado o ano pasado por 3,3 millóns de euros e cuxas obras comezaron a finais de decembro.

Neste caso, o proxecto construtivo prevé un edificio integrado por vivendas de entre dous e catro dormitorios e composto por planta baixa e tres andares. O inmoble contará con 2.581 m2 útiles destinados ás 24 VPP e cun local de máis de 600 m2, ademais de rochos e dúas plantas soto para albergar os garaxes.

Coincidindo coa licitación dos proxectos, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, achegáronse ata os terreos nos que están proxectadas as novas vivendas.