Licitada a rehabilitación integral do colexio Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago

1 minutes read

Así o anunciaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, nunha visita ao centro no que se van investir máis de 650.000 euros para mellorar e renovar as súas instalacións.

As obras que se van executar no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que cun orzamento de 191M€ ata 2024 ten como obxectivo deseñar edificios educativos post-covid, con espazos máis amplos, máis saudables e máis sustentables desde o punto de vista medioambiental. Así mesmo, afondarase na dixitalización dos centros e na súa formulación como espazos polivalentes a servizo das necesidades da educación do século XXI.

Concretamente, os traballos licitados contan cun prazo de execución de cinco meses e teñen entre os seus principais obxectivos mellorar a eficiencia enerxética do centro.

Así, no transcurso da obra dotarase ao centro dun novo sistema de illamento térmico dispoñendo sobre o forxado pranchas de poliestireno, substituíndo a carpintería exterior por unha de aluminio e instalando novas luminarias. Os traballos contemplan, así mesmo, a retirada dos elementos de cubrición existentes para instalar unha nova cuberta, a dotación dun novo sistema de drenaxe perimetral e a modificación das carpinterías interiores. Con respecto ás outras actuacións, tamén se colocará un novo falso teito, disporase unha nova iluminación nos espazos e porches exteriores, adecuarase o espazo traseiro do edificio de primaria e instalarase un baño adaptado e outro na aula do edificio de Infantil.