A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación da obra de renovación de parte da cuberta do IES Fernando Blanco de Cee, por un importe de algo máis de 150 mil euros.
A actuación consiste no cambio de cuberta do edificio de talleres situado na parcela do instituto. En concreto está previsto retirar a actual cubrición de fibrocemento por unha nova realizada en chapa metálica sándwich. Así mesmo, substituirase a carpintería de formigón por outra metálica con acristalamento a base de pranchas de policarbonato.
O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas co inicio do curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os traballos teñen un prazo de execución de 2 meses.