Licitada a restauración da igrexa de Santa María de Lamas en Boqueixón

1 minutes read

O proxecto, por máis de 120.000 euros, pretende mellorar os problemas de humidades que afectan á cuberta, pavimentos e carpinterías. Por iso, entre outras actuacións realizarase a limpeza manual de toda a cuberta de tella, substituíndo pezas danadas e incrementando a ventilación baixo cuberta, fundamentalmente na zona de cúpula, ademais de completar os remates de chumbo na cubrición de pedra do frontón. Tamén se prevé demoler o pavimento de terrazo actual baixo control arqueolóxico así como limpar os paramentos exteriores, pintar as zonas revocadas con pinturas de silicato e repoñer pezas danadas da carpinterías, entre outras.

Ademais, nas zonas onde existen pinturas murais procederase a realizar unha toma de datos e analíticas para realizar unha avaliación do seu estado de conservación e, no seu caso, unha proposta de intervención de urxencia. O prazo máximo de execución das obras será de oito semanas.

Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Arquidiócese de Santiago de Compostela asinaron un convenio de colaboración para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións no monumento.