Licitada a segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

1 minutes read

O departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña vén abrir a licitación pública da segunda fase das obras de ampliación da estrada DP 5602 Negreira-Pontenafonso, cun orzamento de 1.266.128,78 euros. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 8 de marzo na Plataforma de Contratación do Estado.

A esta importante cantidade hai que sumar os 174.697,96 euros das expropiacións realizadas para levar a cabo os traballos, polo que o orzamento total das obras supera os 1,4 millóns de euros. «Supón un dos investimentos máis importantes programados este ano polo departamento de Vías e Obras na provincia», confirmou o presidente provincial Valentín González Formoso, que apuntou que se prevé que os traballos estean en execución «este mesmo verán».

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, expresou tamén a súa satisfacción pola licitación das obras, que supoñen luz verde definitiva a un proxecto que dará continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado no seu día nos seis primeiros quilómetros desta estrada e que supuxeron unha notable mellora na seguridade.