Licitadas as obras da eficiencia enerxética no centro sociocomunitario da Pobra do Caramiñal

1 minutes read

A intervención prevista conta cun montante de 306.000 euros e centrarase en elementos da fachada do inmoble, basicamente, consistirá na substitución das carpinterías exteriores por outras máis modernas de aluminio dotadas de rotura de ponte térmica e vidros dobres con control solar. Tamén se modificarán as luminarias do inmoble e se reforzará o cadro eléctrico.

As empresas interesadas en facerse con este contrato teñen ata o vindeiro día 6 de xullo para presentar as súas ofertas. O prazo previsto de execución dos traballos é de dous meses desde o inicio dos mesmos.

Con estas actuacións, o centro sociocomunitario da Pobra incrementará as súas condicións de illamento, xa que se reducirá tanto o risco de aparición de humidades como de condensacións. Isto contribuirá a mellorar a comodidade e o benestar das persoas residentes e do persoal que atende este servizo.