A Xunta de Galicia vén de licitar as obras da Fase 0 do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) por 13,08 millóns de euros, co obxectivo de que os traballos comecen en decembro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, compareceron en rolda de prensa para informar sobre o inicio de contratación destes traballos, que supoñen “a primeira pedra do hospital dos próximos 30 anos para a área da Coruña”.
Acompañados do xerente do CHUAC, Luis Verde, e do director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, os conselleiros informaron de que a licitación está xa colgada na Plataforma de contratos públicos de Galicia, cun período de presentación de ofertas que remata o 7 de xullo e un prazo de execución dos traballos de 18 meses.