Licitadas as obras da travesía da Ponte do Porto en Camariñas e anunciada unha segunda fase

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este mércores unha visita institucional ao Concello de Camariñas, onde participou xunto á alcaldesa do municipio, Sandra Insua, e os deputados José Manuel Pequeño e José Ramón Riobóo, nunha reunión coa veciñanza no Casino da Ponte do Porto. Formoso anunciou que, o pasado venres, a Deputación da Coruña publicou de novo na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación pública das obras de acondicionamento da travesía da vila.

Pola súa banda, a alcaldesa, Sandra Insua, agradeceu a presenza do presidente da Deputación e do deputado de Vías e Obras, ante a súa insistencia en axilizar a nova licitación do proxecto, debido sobre todo ao perigo que representa para os veciños o mal estado das baradillas e dos pavimentos da zona.

Formoso anunciou ademáis que o servizo de Vías e Obras acaba de rematar a redacción do proxecto técnico para a segunda fase das obras, que mellorará no futuro un segundo tramo, cunha lonxitude de 410 metros e un investimento adicional de 493.156 euros.