Licitadas as obras de abastecemento a Nantón e Anos, en Cabana de Bergantiños

2 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou este mércores por 1.119.397 euros a obra para dotar de abastecemento os núcleos de Nantón e Anos, no concello de Cabana de Bergantiños.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicaba esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o día 4 de marzo. As obras contarán cun prazo de execución de 12 meses.

A actuación ten como obxectivo levar o servizo de abastecemento a estes dous núcleos e asegurar o subministro ao municipio e ao futuro parque industrial da Costa da Morte, o que permitirá garantir o subministro de auga a unha poboación total futura de preto de 2.000 persoas.

Na actualidade, o abastecemento resólvese de forma individualizada, con pozos particulares ou captacións en mananciais que, non garanten auga en cantidade suficiente nin coa debida calidade.

Para garantir un axeitado abastecemento a través das obras que se licitan hoxe, prevese unha nova captación de auga no río Anllóns, a execución dunha potabilizadora e as intervencións necesarias para completar os traballos que blinden o subministro a estas 2 poboacións e á zona de implantación do polígono.

Os primeiros traballos obxecto deste contrato centraranse na limpeza e comprobación de tubaxes de impulsión e de distribución que xa hai, na reparación dos elementos que poidan estar danados e na impermeabilización dos muros do depósito existente e a execución da cuberta.

Logo executaranse a captación no Anllóns mediante toma directa a un pozo de bombeo situado a 10 metros da canle do río, coa instalación de dúas bombas verticais mergulladas para impulsar un caudal de 100 m³/h.

Tamén se acometerá o edificio da estación de tratamento de auga potable que se situará anexo ao depósito existente e disporá de preto de 600 m², con sala de control e sala de reactivos. A potabilizadora incluirá pretratamento de auga bruta e mestura de reactivos, flocuación, decantación, filtración e tratamento de desinfección ultravioleta.

Estes traballos enmárcanse no convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Cabana de Bergantiños, cun orzamento de máis de 1,3 M€. A Xunta achega o 90% do investimento, algo máis de 1,22 M€ e executará as obras; e o Concello destina ás actuacións algo máis de 136.000 €, o 10% restante, e disporá os terreos.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?