A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou o porto de Portosín, onde anunciou que Portos de Galicia vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de acondicionamento da lonxa local e tamén dos edificios que acollen a lonxa e a confraría de pescadores de Porto do Son. A titular de Mar subliñou que o investimento conxunto supera os 400.000 euros e que este tipo de actuacións buscan mellorar as condicións de traballo dos usuarios destas instalacións.
Actuacións
Os traballos na lonxa de Portosín consistirán no acondicionamento do inmoble e na mellora da súa estanquidade. De feito, renovarase a cuberta substituíndoa por outra de materiais máis modernos e resistentes. Ao mesmo tempo, cambiaranse os canlóns e baixantes, realizarase o pintado e selado das fachadas e pintarase algunha zona interior do efificio, como a zona de oficinas. Todas estas actuacións contan cun orzamento de licitación de preto de 200.000 euros.
No caso de Porto do Son, acondicionarase e mellorarase a estanquidade da lonxa renovando a cuberta, os canlóns e as baixantes ao tempo que se procederá ao selado e pintado da fachada. No interior tamén se pintarán as zonas de oficinas, poxas e os aseos. No inmoble da confraría, selaranse as fachadas para evitar filtracións de auga e pintarase o interior. Estes traballos contan un orzamento de licitación de 230.000 euros.