Licitadas as obras de ampliación da rede de saneamento municipal de Padrón

1 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou 1.048.252 euros a ampliación da rede de saneamento municipal do concello de Padrón.

Trátase da execución das obras dunha rede de colectores e catro estacións de bombeo de augas residuais nos núcleos de Herbón, Lestido, A Aduana e O Paraíso.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle o inicio da contratación desta actuación. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 27 de maio. As obras contan cun prazo de execución de seis meses.

Esta intervención enmárcase no convenio asinado o pasado mes de novembro pola Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, na liña de colaboración que vén desenvolvendo a Xunta de apoio ao desenvolvemento das competencias municipais en materia de auga.

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume o cofinanciamento das actuacións nun 80%, achegando un total de 920.000 €, e levará a cabo a contratación, dirección e execución das obras.

Pola súa banda, o Concello de Padrón asume o 20% do financiamento restante das obras, a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.