Licitadas as obras de ampliación e mellora do trazado da DP-7804 de Santiago a Val do Dubra

1 minutes read

As obras para ensanchar e mellorar o trazado e o firme da estrada provincial DP-7804 Val do Dubra – Santiago entre os puntos quilométricos 18,6 e 22,2, no termo municipal de Santiago de Compostela, saliron a licitación por importe de 1,16 millóns de euros. Trátase dun dos proxectos con maior orzamento do departamento de Vías e Obras da Deputación da Coruña durante o presente ano. Este permitirá mellorar de forma substancial a seguridade nun tramo de tres quilómetros e medio dunha vía que conta cun elevado volume de tráfico ao conectar o núcleo compostelán de Miramontes coa intersección da DP-0701.

A través desta actuación ampliarase a plataforma da vía ata os 9 metros de ancho, contando con 7 metros de calzada e 1 metro de beiravía en cada unha das marxes. Os traballos tamén inclúen a mellora do trazado en determinadas curvas e a pavimentación da plataforma. Á súa vez, instalarase un sistema de drenaxe lonxitudinal con tubo de formigón, recollida de pluviais nos tramos onde hai beirarrúas e dotarase á zona de nova sinalización horizontal e vertical. As obras contan cun prazo de execución de 12 meses e as empresas interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 2 de novembro.