Licitadas as obras de conservación da Ponte Ceilán, ao seu paso por Noia e Outes

1 minutes read

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a contratación destas obras, ás que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 19 de abril.

A ponte onde se localizan as obras obxecto deste contrato sitúase no punto quilométrico 69 da estrada AC-550, unindo os municipios de Noia e de Outes.

A intervención, cun prazo de execución de 6 meses, ten como obxectivo aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda actual por unha nova.

A varanda xa virá fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.

Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.

O proxecto tamén inclúe a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao substituír a iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.