Licitadas as obras de mellora da estrada DP-2302 de Hospital a Brens, en Dumbría

1 minutes read

A área de Vías e Obras da Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de ampliación e mellora da seguridade na estrada DP-2302 de Hospital a Brens, no Concello de Dumbría.

As obras contan cun orzamento de licitación de case 1 millón de euros, aos que hai que sumar os case cen mil que se destinarán ás expropiacións necesarias para levar a cabo o proxecto, segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, que tamén é alcalde de Dumbría.

As actuación proxectadas levaranse a cabo entre os quilómetros 2,1 e 5,8. Consisten na mellora da estrada, aumentando a sección actual dotándoa de dous carrís de circulación con 3 metros de ancho e beiravías de medio metro.

Executarase tamén melloras no trazado do vial, modificando catro interseccións, suavizado curvas e executando novos carrís de espera e cuñas para facilitar as incorporación e mellorar da visibilidade, Ademais, repoñerase o firme en toda a zona de actuación.

O obxectivo desta actuación é mellorar as condicións de seguridade viaria na zona, garantindo a coexistencia de peóns e automóbiles e mellorando a funcionalidade en certos tramos da estrada. O prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro 28 de decembro.